Este colexio está a resultar marabilloso para Ismaíl, pois coñece a un montón de nenos e nenas. Pola mediación destes novos amigos, e despois das súas viaxes, o ano pasado fixéronlle roupa moderna para que se vista á moda. A fin de contas, un gnomo viaxeiro tamén pode ser elegante. ¿Ou non?
Así, Sandra Moreno, a nai de Noelia, preparoulle uns pantalóns verdes, un gorro verde e unha camiseta amarela. Belén Míguez, a nai de Marta, coseulle unha fermosa capa da mesma cor verde. Marta Castaño, a nai de Clara, fixo unha chaqueta vermella, uns pantalóns grises e unha capa azul, e que incluso leva un botón dunha chaqueta da súa filla.
E María José Barros, a nai de Eloy, regaloulle unha capa morada cuns bordados brancos moi bonitos. Esperanza Lago, a nai de Óscar, sorprendeuno con dous gorros azuis, un para a chuvia e outro de festa, e ademais cunha capa azul como a de Superman. ¡Si, si...! ¡Agora Ismaíl pode vestir a capa de Superman!
E Montserrat Mouco, a nai de Inés, que é unha gran costureira, encantouno cuns pantalóns, un gorro, unha camisa ampla e uns zapatos. Todo en verde e encarnado como mandan as regras dos mundos máxicos. E para rematar, a nai de Ana e a súa tía, Elena Nieto e Edita Antelo, trouxéronlle unha camisa branca con tres botóns e uns pantalóns vaqueiros.
As sorpresas foron tan grandes, que Ismaíl case quedou sen palabras pola emoción. Nunca antes recibira tantos agasallos, moi variados e prácticos. Por iso, xamais esquecerá estas familias tan fantásticas, e sempre estarán na súa memoria.
Da súa parte, un biquiño miudiño para todos e todas…